16 may 2010

Training Days en Verín - Réptiles

Agora poñemos unhas fotos sobre os réptiles que puidemos observar nos Training Days do val do Támega e a Gudiña.

Unha fermosa femia de Anguis fragilis. O dimorfismo sexual (=diferencias na forma e coloración entre machos e femias dentro dunha mesma especie) é moi marcado nesta especie. As femias teñen os laterais máis escuros que o dorso, mentres que os machos teñen os laterais da mesma cor clara que o dorso. Ás veces, os machos tamén teñen unhas manchas grisáceas ou azuladas, máis patentes conto máis vello é o exemplar.

O Blanus cinereus é unha especie moi mediterránea na Península Ibérica. En Galicia só está presente no val do Támega (ríos Támega e o seu afluente Búbal). Ultimamente, tamén puidemos descubrir unha nova poboación no fermoso río Mente, gracias á axuda do noso compañeiro Xosé Ramón Reigada.

O Chalcides bedriagai tamén é unha especie moi mediterránea aínda que non tanto como o escouparón cego (Blanus cinereus). Está presente nas ladeiras quentes do río Búbal, non baixando ás ladeiras máis quentes e secas do río Támega.


O Chalcides striatus é unha especie moi abundante en Galicia. No ano 2008 tivemos a sorte se observar ás catro especies de ápodos ou semiápodos da península (Anguis fragilis, Blanus cinereus, Chalcides bedriagai e Chalcides striatus) na mesma zona e a escasos dous metros de distancia. Este feito é enormemente interesante e único na península Ibérica. De feito, debaixo dunha mesma pedra había un exemplar de Blanus cinereus e de Anguis fragilis.

Aquí, un exemplar de Coronella austriaca.

Un macho en celo de Lacerta schreiberi. Especie endémica do noroeste ibérico que sobrevive tamén en zonas húmidas do centro da Península. Na súa área de distribución mediterránea habita os bordes de ríos e regatos, e non aparece lonxe deles. Debido a isto, en Portugal chámase lagarto-de-água.

De noite e debaixo dunha pedra, puidemos capturar este fermoso exemplar de Malpolon monspessulanus.

Un fermoso xuvenil de Natrix natrix. Curiosamente, a gran ausencia destas xornadas foi a súa prima, a Natrix maura, moito máis abundante na zona.

Un exemplar de Podarcis bocagei. Este exemplar foi visto na zona da Gudiña. En Verín, compórtase de maneira similar que o Lacerta schreiberi (vive en lugares húmidos e próximos a regatos e ríos). Presenta un comportamento curioso de fuxida xa que sube polos ameneiros (Alnus glutinosa) para escapar dos depredadores (ou dos herpetólogos).

Podarcis hispanica, especie moi abundante na zona.

Macho de Psammodromus algirus. Pódese observar como a gorxa é de cor roxiza, típico dos machos en celo desta especie.

Fermosísimo macho de Psammodromus hispanicus. Esta especie é moi escasa en Galicia e habita matogueiras moi abertas e tamén viñedos e camiños.

Un gran exemplar de Rhinechis scalaris, antes chamada Elaphe scalaris.

Un lagarto arnau, Timon lepidus.

E aquí a sorpresa do día. Na zona da Gudiña tivemos o pracer de observar este fermoso subadulto de Vipera latastei. Unha hora despois, puidemos observar outro exemplar, esta vez adulto, da víbora de cordón, nome vernáculo dado na zona á especie. Este último exemplar estaba nunha cuneta polo que despois de fotografar apartámolo da zona para evitar que terminara debaixo das rodas dun coche.

E a última especie para acadar as 26 detectadas neste Training Day foi a víbora de Seoanei, Vipera seoanei, na viaxe de volta polo río Bibei. Esta especie puido ser observada por Ricardo Ferreiro, Fernando Diz-Lois, Anxos Romeo e Martiño Cabana.

Ata aquí todo o referente ó hérpetos observados nos Training Days de Verín. Agradecer a tódolos participantes a súa axuda e espero que lles gustara moito a actividade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario