29 sept 2010

Cal é a superficie dunha cuadrícula de 10x10 qm? (2ª parte)

Logo do comentario de Rubén Portas comentando que hai moitas cuadrículas que teñen unha superficie real (chamada en topografía superficie absoluta) maior á que teñen sen contar a topografía da zona (denominada superficie reducida). Como é lóxico pensar, non ten a mesma superficie real unha porción de 1x1 km na Terra Chá que nos Ancares.

Pois, xogando un pouco con ArcGIS e co SRTM da NASA calculei un mapa a nivel de 10x10 qm no cal se mostra o factor de corrección que se debe realizar para transformar unha superficie reducida nunha absoluta:


Como vedes, as zonas en azul son as que teñen menos pendiente e canto máis cálido sexa a cor máis pendente teñen e maior é o factor de corrección.

E aquí mostro o mapa da superficie absoluta (real) das diferentes cuadrículas de Galicia. Como pode verse hai unhas cantas cuadrículas de 10x10 Qm que teñen máis de 100 Qm^2.

26 sept 2010

Cal é a superficie dunha cuadrícula de 10x10 qm?

Bueno, a resposta á pregunta é, inicialmente, moi sinxela: 100 qm^2. Sen embargo, a cuestión non é tan facil se queremos saber cal é a superficie de terra galega das diferentes cuadrículas de 10x10 qm de Galicia. Para responder a esta pregunta hai que botar man dos Sitemas de Información Xeográfica que son os diferentes compoñentes informáticos necesarios para a creación, xestión, análise e representación de datos referenciados espacialmente.

Neste mapa, analizado e exportado con ArcGIS 9.3 (o programa de SIX máis usado) mostramos a superficie de terra galega que hai en cada unha das cuadrículas 10x10 qm de Galicia. A superficie máxima posible é de 100 qm^2, polo que as cantidades que se mostran son tanto os quilómetros cadrados de terra galega que hai en cada cuadrícula como o porcentaxe de terra galega que hai no total da cuadrícula.



Como tódolos que nos dedicamos a buscar bichos por Galicia adiante, temos que darnos conta que en moitas cuadrículas é realmente complicado citar especies como pasa en moitas das cuadrículas de cor vermello do mapa.

PD: soamente representamos neste mapa a superficie continental de Galicia. Como podedes ver faltan 3 cuadrículas galegas que son exclusivamente insulares (Sisargas, Cíes e Ons).

20 sept 2010

A Labordeta

Xente grande hai pouca neste mundo e este mundo quedou onte sen unha gran persoa. Labordeta foi sempre un home polifacético. Escritor, cantautor, político e profesor foron algunhas das súas actividades vitais. Todo o mundo recorda aqueles impresionantes documentais onde mostraba as xentes e lugares de España como ninguén podería facer.




Desde sempre recordo a Labordeta no Congreso promovendo grandes ideas e dando unha visión real do que a política debería ser: un instrumento ó servizo de todos. Aquí, unha mostra do caracter e valentía ante os neofascistas ós cales non lle gustaba que unha persoa de esquerdas falara na tribuna do pobo.

16 sept 2010

¿Quen come a quen? Historia dun teixugo lambón

Víñamos de realizar unhas mostraxes na zona de Trevinca Adolfo Cordero, Anxos Romeo e máis eu e íamos durmir ó Trisquel, aloxamento que está na aldea de Vilanova que se sitúa nas proximidades de Xares. Indo no coche cara o hotel, na estrada situada entre A Ponte e Vilanova tivemos a enorme sorte de ver un fermoso teixugo que se escapaba de nós.

A sorpresa foi maiúscula cando vimos o que andaba facendo antes de interrumpilo. Alí, no medio da estrada, unha pobre víbora de Seoane (Vipera seoanei) comezada a comer polo rabo e coas tripas por fora. A víbora xa estaba morta aínda que conservaba algún movemento involuntario. Unha foto do exemplar depredado:


E unha foto en detalle da cabeza:


Logo marchamos, deixando alí o cadaver da Seoane. Pola mañá volvimos a pasar polo lugar e a víbora xa non estaba, probablemente comida polo teixugo que volveu a recuperar a súa captura trala nosa interrupción.

PD: a posteriori á publicación inicial deste post, inclúo unha foto en detalle da cabeza do exemplar para que se poida ver a fragmentación das placas cefálicas.

4 sept 2010

Training Days - European Bat Night

No pasado fin de semana tivemos o placer de celebrar xunto cos compañeiros de Drosera a European Bat Night en Seoane do Caurel.

Primeiramente, realizamos polos arredores de Seoane do Caurel unha busca de refuxios de morcegos. Nesta busca comentáronse os diferentes métodos existentes para a busca das diferentes especies de morcegos, xa que cada un deles habita un lugar determinado durante o seu repouso diurno. Fixemos dous grupos para evitar molestar en demasía ós morcegos (que por desgracia non apareceron). Aquí un par de fotos do noso grupo:




Logo, asistimos na Estación Científica do Caurel a unha charla impartida por Roberto Hermida sobre os morcegos do Caurel. Faláronse dos diferentes hábitats e comportamentos de caza dos morcegos e fíxose un repaso polas principais especies presentes na zona. Recordar que o Caurel é unha das zonas de Galicia que presenta unha maior biodiversidade de morcegos de Galicia.


Como en tódolos Training Days, a posta en práctica dos métodos de mostraxe que aplican os investigadores no seu traballo diario é o punto álxido das actividades. Logo dunha cea no acampamento Caurel, procedeuse a instalar unha serie de redes xaponesas nos arredores do camping. Froito deste traballo puidéronse capturar catro especies de morcegos: Rhinolophus hipposideros, Myotis daubentonii, Pipistrellus pipistrellus e Eptesicus serotinus. Tamén puidemos escoitar a Tadarida teniotis, que é o único morcego de Galicia que emite ecolocacións audibles para os humanos. Nesta posta en práctica nocturna puidemos contar ca asistencia de numerosos turistas (especialmente nenos) que se aloxaban no camping e desfrutaron de observar de primeira man destes interesantes animais.




Agradecer a tódolos participantes a súa asistencia e á xente de
Drosera a súa colaboración. Como non, tamén agradecer á Estación Científica do Caurel e ó acampamento Caurel a súa colaboración.