12 jul. 2010

Sobre víboras e ratos

Moitos ofidios teñen nos atropelos unha das súas maiores ameazas. A víbora de Seoane (Vipera seoanei) non é unha excepción. Hoxe tivemos a mala sorte de atopar unha fermosa víbora atropelada. A nosa sorpresa foi maior cando puidemos observar que acababa de engulir a un rato (probablemente un rato de campo ou Apodemus sylvaticus). Para que despois os paisanos digan que as serpes non serven para nada.


Aqui unha imaxe en detalle da cabeza e do deseño dorsal do individuo:



10 jul. 2010

Hotspot - val do río Támega (Verín)

Imos comezar unha nova sección herpetolóxica adicada ós hotspot herpetolóxicos de Galicia. Un hotspot é unha zona que presenta unha elevada riqueza de especies, neste caso, de anfibios e réptiles. Nós imos a darlle outro punto de vista a maiores e tamén incluiremos como hotspot determinadas zonas que, se ben non teñen un elevado número de especies, as que ten son moi interesantes.

Para min, a mellor zona de Galicia para disfrutar dos hérpetos é o val do Támega. Vivín un tempo nesta zona e levo varios anos disfrutando dela, polo que lle gardo un cariño especial.

O río Támega nace en Alberguería a uns 950 msnm (nas proximidades nacen os tres ríos máis importantes de Ourense: o Arnoia, o Limia e o propio Támega). Durante gran parte do seu percorrido atravesa vales cunha certa tendencia mediterránea pero é a partir de Castrelo do Val cando anchea a conca e entra con maior forza a influencia mediterránea que provén do sur.



O Támega ten poucos afluentes importantes. O máis importante é o río Búbal, pero dese río falaremos outro día xa que tamén é outro Hotspot que ben merece unha entrada propia.

O val do Támega presenta un total de 32 especies das cales nós puidemos detectar case todas pero aínda nos faltan algunhas. Unha que probablemente non poidamos detectar é a Chioglossa lusitanica debido a que o hábitat da especie (regatos limpos e permanentes durante gran parte do ano) están altamente degradados. Ahí van unhas cantas Nockofotos (non todas son de Verín pero si de Ourense) de especies típicamente verinesas:

Pelobates cultripes


Blanus cinereus


Chalcides striatus


Tarentola mauritanica


Psammodromus hispanicus


Timon lepidus


Malpolon monspessulanus


Rhinechis scalaris


7 jul. 2010

Zootoca vivipara no norte de Galicia

Revisando este dias o Boletín da Asociación Herpetológica Española, puiden ler un fermoso artigo de Xabi Prieto e Manu Arzúa. Neste artigo, publicado no 2007, falan sobre unha serie de citas de Zootoca vivipara, lagartixa de turbeira, detectada no norte de Galicia.

A lagartixa de turbeira é unha especie de moi ampla distribución xa que a podemos atopar desde a illa de Sajalín (Xapón) ata Galicia e Irlanda. Supera o Círculo Polar Ártico sendo un dos poucos réptiles que poden sobrevivir nestes ambientes tan fríos e extremos. Creo recordar (non me fagades moito caso) que é o réptil de maior distribución mundial.


Atendendo ó caso de Galicia, tradicionalmente, a lagartixa de turbeira estaba relegada ás serras de Xistral e de Ancares. Nesta última serra, os datos mostraban que vivía nas zonas máis altas das turbeiras da zona e pequenos regatos.

Neste traballo de Xabi e Manu publícase a observación de exemplares de lagartixa da turbeira en:

-Serra do Buio (Cervo) UTM 10x10 qm PJ22 a 540 msnm

-Serra de Lourenzá (A Pastoriza) UTM 10x10 qm PJ30 a 603 msnm

-Serra da Corda (Abadín) UTM 10x10 qm PJ20 a 590 msnm

-Montes de Moiseibán (Vilalba) UTM 10x10 qm PJ10 a 900 msnm

Como vedes a distribución coñecida desta especie aumenta considerablemente logo deste bo traballo. Aquí vai un mapa coas novas citas expostas neste traballo. Tamén se poden ver en verde as cuadrículas UTM 10x10 qm onde se sabía que estaba a especie.

Onte chegoume ás orellas de que hai outra nova cita de Zootoca vivipara moi interesante e recordei este artigo de Xabi e Manu que vos fago chegar.