Revisando este dias o Boletín da Asociación Herpetológica Española, puiden ler un fermoso artigo de Xabi Prieto e Manu Arzúa. Neste artigo, publicado no 2007, falan sobre unha serie de citas de Zootoca vivipara, lagartixa de turbeira, detectada no norte de Galicia.
A lagartixa de turbeira é unha especie de moi ampla distribución xa que a podemos atopar desde a illa de Sajalín (Xapón) ata Galicia e Irlanda. Supera o Círculo Polar Ártico sendo un dos poucos réptiles que poden sobrevivir nestes ambientes tan fríos e extremos. Creo recordar (non me fagades moito caso) que é o réptil de maior distribución mundial.
Atendendo ó caso de Galicia, tradicionalmente, a lagartixa de turbeira estaba relegada ás serras de Xistral e de Ancares. Nesta última serra, os datos mostraban que vivía nas zonas máis altas das turbeiras da zona e pequenos regatos.
Neste traballo de Xabi e Manu publícase a observación de exemplares de lagartixa da turbeira en:
-Serra do Buio (Cervo) UTM 10x10 qm PJ22 a 540 msnm
-Serra de Lourenzá (A Pastoriza) UTM 10x10 qm PJ30 a 603 msnm
-Serra da Corda (Abadín) UTM 10x10 qm PJ20 a 590 msnm
-Montes de Moiseibán (Vilalba) UTM 10x10 qm PJ10 a 900 msnm
Como vedes a distribución coñecida desta especie aumenta considerablemente logo deste bo traballo. Aquí vai un mapa coas novas citas expostas neste traballo. Tamén se poden ver en verde as cuadrículas UTM 10x10 qm onde se sabía que estaba a especie.
Onte chegoume ás orellas de que hai outra nova cita de Zootoca vivipara moi interesante e recordei este artigo de Xabi e Manu que vos fago chegar.
Boas. Síntome un pouco obrigado a intervir, lóxicamente. Comentar que realmente hai non unha senón catro cuadrículas máis de Z.vivipara nas terras do norte de Lugo. Tres delas descubertas por min e por Manu, e aínda sen publicar, e chegan prácticamente aos arredores da vila de Viveiro. En breve (esperemos)sairá o Atlas publicado, e no que temos a sorte de contar con Martiño coma ún dos redactores.
ResponderEliminarNa nosa opinión (miña e de Manu Arzúa) o límite oriental de distribución semella estar máis definido que o occidental. Realizamos moitísimas prospeccións en todas estas comarcas da Mariña, Xistral, As Pontes,..e parece que máis ao leste de Abadín-Mondoñedo-A Pastoriza a especie non aparece. Tampouco ten demasiados hábitats axeitados. E as condicións climáticas conforme avanzamos cara o SE mudan bastante (con un verán moito máis caloroso e seco)
Sen embargo as condicións ecolóxicas e climáticas polo Noroeste desta zona permitirían unha posible ampliación ata entrar na provincia coruñesa. Manu (que estará lendo isto) é menos dado a este tipo de hipótese. Pero eu son máis "botao para diante" nestas cousas.
O tremendo avanzo na distribución da sp nos últimos cinco anos invitan desde logo ao optimismo.
Unha aperta.
Gracias, Xabi, polo teu comentario. Estes últimos anos avanzouse moito no coñecemento da distribución de moitas especies (a vivipara é unha delas). Agora necesitamos de máis info. Animádevos a rexistrar as densidade a través de transectos¡¡¡ Eses datos serían moi interesantes. Podedes usar a metodoloxía o SARGA (método Lacerta ou transectos diurnos para réptiles) que dá moi bo resultado para lacértidos.
ResponderEliminar