8 ago. 2010

Temperatura de incubación e determinación sexual

Un dos fenómenos biolóxicos máis interesantes dentro dos réptiles é a determinación do sexo en función da temperatura de incubación dos ovos. Isto significa que dependendo da temperatura á cal se están a incubar os ovos, van a eclosionar unha maior proporción de machos ou de femias.

Sen embargo, a cousa non é tan simple. Na maioría dos vertebrados a determinación ven dada pola xenética do animal (presencia de XX ou XY en humanos). Este mecanismo denomínase Determinación do Sexo dependendo do Xenotipo (DSX, DSG na gráfica inferior). Os anfibios, serpes, aves, mamíferos e case tódolos peixes teñen este tipo de determinación sexual.

Por outra banda, hai tres modelos de Determinación do Sexo dependedo da Temperatura (DST). Un primeiro modelo, chamado DST Ia, caracterízase por que as especies que o siguen teñen unha maior proporción de machos cando a posta se incuba a unha temperatura baixa e a altas temperaturas prodúcese unha maior proporción de femias (ver na figura inferior o gráfico situado arriba á esquerda). Este mecanismo dase en moitas tartarugas.

Existe un modelo complementario ó anterior, o modelo DST Ib, onde se produce unha proporción de machos cando a posta se incuba a unha temperatura alta e a baixas temperaturas prodúcese unha maior proporción de femias (ver na figura inferior o gráfico situado arriba á dereita). Este mecanismo dase nalgúns lagartos e tuátaras.

Un terceiro modelo de determinación sexual pola temperatura é totalmente diferente. O modelo II caracterízase que a altas e a baixas temperaturas durante o período de incubación, prodúcese unha menor proporción de machos e a temperaturas medias, a proporción de machos é maior. Isto dase en cocodrilos, en moitas especies de lagartos e nalgunhas tartarugas.


Imaxe extraída de La gran enciclopedia de los anfibios y reptiles de Tim Halliday e Kraig Adler. Esta é unha obra esencial para un naturalista.

Este fenómeno é de vital importancia, xa que as variacións de temperatura no campo poden provocar que haxa un desequilibrio na relacións de sexos da poboación e diminuír o número de descendentes xerados en cada período reproductor. Por outra banda, o coñecemento destes mecanismos pode axudar a mellorar os plans de cría en cautividade xa que se pode variar a temperatura de incubación para ter unha maior proporción de femias e así aumentar a capacidada de xeración de crías do programa.

2 comentarios:

  1. Non son capaz de borrar a mesaxe anterior,mira ke e jodido facer algo nun blog,as graficas si se ven caralludas,so ke non as aumentara,como dicia interesante apunte compañeiro :)

    ResponderEliminar
  2. Aínda que persoalmente detesto a estatística e as gráficas, alégrome de que actualizárades o bloge. Estaba farto de ver a pobre Víbora morta co rato morto a carón (xa só faltaba unha foto dos DEAD Kennedys). E non deixa de ser un tema interesante este da selección por xénero en función da temperatura.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar