31 mar. 2010

Herpetoloxía de urxencia

Era unha tarde de sábado. Quedáramos pola mañá con Susana para axudarlle na mudanza e debanar un pouco na súa nova casa en Vilargarcía de Arousa. Logo de pasalo ben e vendo que o Grove quedaba cerca decidimos achegarnos ata aló. Ahí vai unha breve mostra desta visita herpetolóxica de urxencia feita por Anxos e máis eu (Martiño). Rápida e fugaz para compensar o mono dunha semana de encerro diante do ordenata. Comezamos a visita entrando no vello aeródromo do Grove. Chove un pouco pero vai bastante vento. Temporal do sudoeste. Sen material adecuado. En tenis, cunhas pequenas linternas cutres e sen a linterna mochilera. Outro día explicarei que é isto da linterna mochilera aínda que os que teñen vido conmigo a buscar anfibios ou ladras (Tarentola mauritanica) de noite xa saben de que vai este trebello do diaño. En menos dun minuto, a primeira sorpresa, unha gran femia de Pelobates cultripes. Sorpresa maiúscula. Pero seguimos coas luces de néboa do coche percorrendo todo o aeródromo e atopamos 4 adultos máis (5 en total, 3 machos e 2 femias). Ahí van unhas fotos. Desculpade pola calidade xa que por non levar, non levávamos nin cámara de fotos. Están sacadas co móbil.

Logo dun tempo mirando polo vello aeródromo, decidimos ir a Siradella. Esta área recreativa está situada nunha vella canteira e tiña unha moi boa poboación de anfibios. Sen embargo, unha serie de actuacións, como a instalación de columpios e demais xogos infantís, dunha pasarela e doutras modificacións do hábitat, están a alterar un dos mellores lugares de reprodución do sapo de esporóns do Grove. Na subida a Siradella soamente puidemos ver 3 píntegas comúns (Salamandra salamandra) na estrada. En Siradella tivemos a sorte de observar 3 adultos de sapo de esporóns (Pelobates cultripes), todos eles cerca da charca que estaba bastante chea de auga.

Unha das femias atopadas en Siradella estaba realmente enfadada con nós. Quen éramos nós para andar a sacarlle fotos sen o seu permiso. Aquí vai unha mostra do berro que fai esta especie cando se sinte molestada. Tamén grabada co móbil polo que pedimos disculpas pola calidade.


Anxos e Martiño

Valverde e o esqueleto de Pelobates cultripes

Jose Antonio Valverde (1926-2003) foi un biólogo e naturalista moi comprometido coa conservación do medio natural da Península Ibérica e do norte de África. Unha das súas principais fazañas foi conseguir conservar, xunto con outras persoas, as Marismas de Doñana que ian ser desecadas coma outros humidais ibéricos (Antela, entre moitas outras).

Valverde era un naturalista de amplo espectro que coñecía moi ben a herpetofauna de Doñana como se pode ver nunha das súas maiores obras, Estructura de una comunidad mediterránea de vertebrados terrestres, na que describe, especie por especie, que come a quen e quen é comido por quen.

Queremos destacar unha figura moi interesante sobre o sapo de esporóns (Pelobates cultripes) e que nos dá pé a comentar algunhas observación propias sobre os esqueletos desta especie en Galicia.


Estes osos puidemos observalos na Limia estes últimos anos. Os restos de máis de vinte sapos de esporóns foron atopados nun edificio abandonado onde aniña a curuxa. Na zona de Verín, a única cita que coñecemos desde o ano 2002 son dun pequeno grupo de restos atopados na zona de Monterrei.

Pero non só se poden atopar estes restos nas egagrópilas de curuxa. Na Lanzada tamén puidemos atopar nestes últimos anos cadáveres de sapos de esporóns (máis de 30 nas últimas visitas). Descoñecemos a causa da morte destes exemplares pero con estas figuras do xenial Valverde puidemos recoñecer perfectamente a que especie pertencían os restos.

28 mar. 2010

Como matar un lobo

Cóntovos unha lenda que me comentou o señor Antonio, veciño de Degrada (Ancares lucenses) e que a el lle recomendou un maderista de Becerreá (Lugo). Este comentario foi recollido o 17 de xullo do 2008 no bar de Pedro e Mariló na Campa da Braña, Degrada, Cervantes, Lugo.

Para poder envenenar a un lobo, debemos coller a unha víbora no monte e sen maltratala. Ademais desto, necesitamos dunha casavella (Salamandra salamandra, Píntega, Salamandra). Ambos animais póñense un diante do outro á espera de que a víbora morda varias veces á casavella. Posteriormente, debemos coller a casavella e metémola dentro dun envase metálico (unha lata ou unha pota vella). Logo poñemos a lata (e dentro dela a casavella envenenada pola víbora) ó lume ata que quede ben chamuscada. Por último, sacamos a casavella e moémola ata facer un po fino. Este po ponse sobre carne ou algo que lle guste ó lobo, da mesma maneira que se fai coa estrignina.

O "aire" e as píntegas

O "aire" é unha especie de envoltura máxica que posúen algunhas especies de anfibios como pode ser a píntega (Salamandra salamandra). Na tradición oral de Galicia son moi abondosas as referencias sobre o "aire" e das súas influencias sobre o ser humano. Moitas destas lendas teñen algo de verdade e, normalmente, fallan na explicación de fenómenos que son dificiles de explicar como a do "aire". En realidade o "aire" non é un halo máxico que rodea ás píntegas.

Como ben sabedes tódalas especies de anfibios galegos presentan veleno na súa pel se ben a súa perigosidade é moi limitada. Este veleno é usado como unha defensa química fronte a depredadores.

A píntega (Salamandra salamandra) e outras especies cercanas como a Salamandra atra e a Salamandra lanzai teñen as glándulas de veleno da pel rodeadas por músculo esquelético (aquel músculo asociado ó esqueleto e que fai que nos movamos). A contracción deste músculo que rodea ás glándulas de veleno que presentan na espalda fan posible que a píntega poida lanzar as súas secrecións tóxicas mediante un fino chorro entre unha distancia máxima de 44 centímetros. ata os 2 metros Este veleno pode irritar as mucosas do depredador (ollos, boca e nariz) e ata pode causar a morte por parálise respiratoria nos depredadores de menor tamaño. Aquí podedes ver unha fotografía dunha píntega lanzando veleno ó ser molestada.



21 mar. 2010

Cantos de ra de San Antón

A ra de San Antón (Hyla arborea) é un pequeno anuro de pequeno tamaño pero cunha asombrosa capacidade de emitir sonidos. Aquí podemos ver un exemplar facendo equilibrios:


O canto é moi forte e podes escoitalo aquí:

Mate guarding de Lacerta schreiberi

O mate guarding ou garda da parella é un comportamento levado a cabo por algunhas especies de réptiles como pode ser o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi, lagarto verdinegro). Este comportamento consiste en que despois da cópula, o macho custodia á femia para que esta non sexa copulada por outro macho. Na seguinte foto pode verse como un macho (en primeiro plano) de lagarto das silvas garda unha femia (en segundo plano) para evitar que outro macho poida copular coa femia.



Este comportamento tamén é habitual noutras especies animais como poden ser os cabaliños do demo. Nos famosos tandems, os machos mantéñense pegados ás femias para evitar que outros machos as copulen e así evitar compartir a descendencia.

Volvendo ós lagartos, esta técnica non sempre surte efecto. De feito, nunha poboación estudada por Adolfo Marco e Valentín Pérez Mellado no centro peninsular, cada femia copulaba con 1 a 5 machos (cunha media de 2,5 machos).

Se a unha parella establecida se lle achega un macho haberá un comportamento agonístico. Se o tamaño dos dous machos son moi diferentes, o macho de menor tamaño fuxirá perseguido. Se os tamaños son similares producirase unha loita ata que o máis debil abandone.

Máis info en Vertebrados Ibéricos.

14 mar. 2010

Xuveniles e subadultos de lagartos

Existen dúas especies de lagartos en Galicia, o lagarto arnal (Timon lepidus (segundo os últimos avances en sistemática), lagarto ocelado) e o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi, lagarto verdinegro). Da identificación dos adultos de ambas especies xa falaremos noutro momento. Hoxe comentaremos a dos xuveniles.

A identificación dos xuveniles e subadultos de ambas especies é moi doada. Os xuveniles e subadultos de ambas especies teñen unha serie de ocelos. Sen embargo, no lagarto arnal, os ocelos exténdense por todo dorso (espalda) e os laterais, como se pode ver na seguinte nockoimaxe:



Na seguinte nockoimaxe, podemos ver unha cría de lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) e pode verse que non ten ocelos no dorso (espalda), senón que os ten unicamente nos laterais:

Tarentola mauritanica

A Tarentola mauritanica, denominada ladra na zona de Verín, presentan unha distribución mediterránea dentro de Galicia se ben existen unha serie de poboacións dispersas no Baixo Miño e ría de Vigo. Sen embargo, gran parte destas poboacións están asociadas a lugares cunha alta densidade de humanos e de intenso tráfico rodado. Dentro destas podemos diferenciar dous grupos:

1. Ria de Vigo e Baixo Miño: poboacións dispersas e sen conexión entre si cunha alta densidade de poboación humana. Localidades como Vigo ou Tui.

2. Localidades de Ourense emprazadas nas proximidades da vía do tren: En localidades como O Barco e Vilamartín de Valdeorras e Ourense capital presentan unhas abundantes poboacións probablemente introducidas a través da vía do tren. Aquí, unha foto de Nocko da poboación de Ourense capital:



Por último, debemos indicar que existe unha gran poboación que parece non ser introducida, a do val do Támega. Como sempre, este val sorprende pola súa herpetofauna. Por varias cuestións dicimos que a ladra é autóctona na zona. Primeira, por que existe o topónimo ladra na zona (polo tanto, único vernáculo válido e rexistrado no territorio galego). Tamén, os vellos da zona recordan á especie cando eran nenos (noticias máis antiga na década de 1950). Por outra banda, que podemos atopar as ladras no monte, lonxe de estradas, ou en pequenas aldeas, como a de Vilaza, en Verín.

Interesante especie mediterránea que haberá que seguir estudando para coñecer ben a súa distribución e o seu caracter autóctono ou alóctono.

Martiño