31 mar 2010

Valverde e o esqueleto de Pelobates cultripes

Jose Antonio Valverde (1926-2003) foi un biólogo e naturalista moi comprometido coa conservación do medio natural da Península Ibérica e do norte de África. Unha das súas principais fazañas foi conseguir conservar, xunto con outras persoas, as Marismas de Doñana que ian ser desecadas coma outros humidais ibéricos (Antela, entre moitas outras).

Valverde era un naturalista de amplo espectro que coñecía moi ben a herpetofauna de Doñana como se pode ver nunha das súas maiores obras, Estructura de una comunidad mediterránea de vertebrados terrestres, na que describe, especie por especie, que come a quen e quen é comido por quen.

Queremos destacar unha figura moi interesante sobre o sapo de esporóns (Pelobates cultripes) e que nos dá pé a comentar algunhas observación propias sobre os esqueletos desta especie en Galicia.


Estes osos puidemos observalos na Limia estes últimos anos. Os restos de máis de vinte sapos de esporóns foron atopados nun edificio abandonado onde aniña a curuxa. Na zona de Verín, a única cita que coñecemos desde o ano 2002 son dun pequeno grupo de restos atopados na zona de Monterrei.

Pero non só se poden atopar estes restos nas egagrópilas de curuxa. Na Lanzada tamén puidemos atopar nestes últimos anos cadáveres de sapos de esporóns (máis de 30 nas últimas visitas). Descoñecemos a causa da morte destes exemplares pero con estas figuras do xenial Valverde puidemos recoñecer perfectamente a que especie pertencían os restos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario