Os réptiles de M.C. Escher
Comezamos cos réptiles de Escher unha serie de post de Artistas e Animais, onde falaremos de debuxos, pinturas, gravados e esculturas de artistas cuxo mundo creativo se relacione de forma peculiar cos animais.
Os debuxos de animais creados por M.C. Escher non son só debuxos interesantes, son debuxos que representan as ideas do artista do modo mais perfecto.
Escher concentrouse case exclusivamente en reproducir e atopar unha resposta a preguntas como: ¿Que é reproducir? ¿Que posibilidades ofrece a superficie se a enchemos con figuras congruentes que limiten unhas con outras? Se debuxar é un engano, unha ilusión que pretende substituír a realidade, ¿poderíase dar un paso máis e facer xurdir un mundo tridimensional dun bidimensional?...
Grazas a esto podemos ver agora como a este artista lle servíron as figuras congruentes de réptiles para responder a algunhas das súas preguntas.
Debuxar é un engano. Na litografía Réptiles de 1943 que a continuación vos mostramos e da cal huskyomega realizou un estupendo vídeo do gravado, Escher debuxa desde o ángulo inferior esquerdo do papel as pequenas figuras planas e esbozadas no seu caderno de bosquexos para desenvolver unha marabillosa tridimensionalidade. O réptil abandona a folla do caderno para pasearse por un tratado de zooloxía e un cartabón que o levan a un dodecaedro para saltar a un vaso de metal dende o cal entrará de novo na folla de papel. Isto faime lembrar como o outro día unha Iberolacerta galani ante a miña insistencia de fotografala, pasou dunha pedra preto do chan a un muro, logo a unhas pedras da parede dunha casa abandonada, e daquí a unha escaleira antiga pola que descendeu outra vez a un muro preto do chan onde a perdín.
Escher creo que non observou a esta I. galani en Trevinca pero seguramente a idea orixinal deste debuxo vén dun encontro similar cun réptil.
Mauritis Cornelius Escher naceu en Leeuwarden, Holanda, no ano 1898. Ao longo da súa carreira realizou máis de 400 litografías e gravados en madeira (xilografía), e tamén uns 2.000 debuxos e borradores. Faleceu o 27 de marzo de 1972.
Autorretrato do artista, gravado en madeira, 1923.
O infinito. Debuxos compostos de figuras uniformes.
Límites cadrados.
Límites cadrados.
Evolución I e Evolución II
Se a superficie fose infinitamente grande, o número de réptiles que a enchería sería infinito.
Estructura básica do Límite cadrado. Escher conseguiu dar vida á estructura do debuxo reenchendoa de lagartixas.
O amor polo detalle fai de Escher un gravador excepcional. O seu arte é unha exaltación da realidade, a cal el sentía e interpretaba como unha marabilla de natureza matemática.
En 1969 con 71 anos realiza o gravado "Serpes" onde demostra as súas facultades a pesar da súa avanzada idade, este será o seu último gravado.