Desde a Asociación Saramaganta estamos a organizar unha serie de actividades no campo para os naturalistas galegos. Xunto coa colaboración do Grupo Naturalista Hábitat, Drosera e Numenius, presentamos os Training Days e invitámosvos a participar neles.
Os Training Days son unhas actividades no campo que se desenvolven nos países anglosaxóns. Estas saídas ó campo tratan de ensinarlle ós naturalistas alleos a un determinado taxón o traballo que desenvolven os investigadores con esas especies. Para iso, realizarase unha saída práctica ó campo acompañado por un ou varios especialistas no estudo dun determinado taxón para ver como se traballa con eles e poder observar unha serie de especies. Os Training Days que propoñemos versarán sobre os anfibios e réptiles, bolboretas diurnas, odonatos, morcegos, etc de Galicia. Estas saídas realizaranse durante os meses de abril a setembro coincidindo co último fin de semana de cada mes.
No primeiro Training Day (mes de abril) proponse unha saída para poñer en práctica os diferentes métodos de campo existentes para o estudo dos anfibios e réptiles. Esta saída terá como obxectivo a visita do val do Támega (zona de Verín, sur de Ourense) durante os días 24 e 25 de abril (sábado e domingo).
O val do Támega é a zona de maior riqueza de especies de hérpetos de Galicia, contando cun total de 32 especies, sendo algunhas delas exclusivas ou case exclusivas desta zona de Galicia. Se ben non podemos asegurar a observación de ningunha especie en concreto é probable que se poidan observar especies escasas ou moi localizadas en Galicia como o
Blanus cinereus,
Psammodromus hispanicus,
Tarentola mauritanica ou
Chalcides bedriagai.
Poñeremos en práctica os diferentes tipos de mostraxe que os herpetólogos usamos de maneira habitual como pode ser a observación de lagartos e lagartixas asoleándose, busca de individuos baixo refuxios (pedras, troncos, etc), prospección con rede de charcas, escoitas nocturnas de anuros (Hyla arborea, Bufo calamita, Alytes obstetricans, Bufo bufo, etc) e busca de Tarentola mauritanica de noite (se a temperatura da xornada é a adecuada).
Esta saída será guiada por unha serie de herpetólogos e naturalistas: Martiño Cabana, herpetólogo que traballa en distribución e conservación, en especial, de especies mediterráneas de Galicia; Ricardo Ferreiro, herpetólogo pertencente ao Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva e que traballa en estudos de conservación de especies endémicas e ameazadas; Rafael Vázquez, herpetowatcher con amplos coñecementos da herpetofauna ibérica e Xosé Ramón Reigada, naturalista verinés con grandes coñecementos de aves e herpetos do sur de Ourense. Todos nós estaremos encantados en mostrarvos o noso modo de traballo diario e que coñezades unha interesante zona de Galicia e a súa herpetofauna.
Esta saída realizarase os días 24 e 25 de abril (sábado e domingo) pernoctando no albergue de Vilarello de Cota (Vilardevós). Os desplazamentos entre os diferentes lugares de mostraxe realizaranse en coches particulares.
Se desexades participar nestas actividades ou obter máis información podedes poñervos en contacto co organizador :
Martiño Cabana
mcohyla@yahoo.esAsociación Saramaganta
www.saramaganta.org