29 jul. 2013

Training Day: Odonatos da Terra Chá

Este sábado, 27 de xullo, poidemos desfrutar dun interesante dia de campo en boa compaña percorrendo humedais, escapando da choiva e aproveitando os momentos nos que quencía o sol para procurar, fotografar e, gracias aos comentarios de Anxos e Martiño, coñecer mellor a uns animais tan fermosos como as nosas libeliñas e cabaliños do demo.

A xornada comezou ás 11 da mañá, nas beiras do Río Miño, ao pé da Casa das Ínsuas en Rábade, onde poidemos observar varias especies, propias dos cauces fluviais.




Nesta zona era moi abondoso o Calopteryx xanthostoma, na fotografía anterior vemos un grupo de machos desta especie, na seguinte imaxe temos unha toma máis próxima dun deles.




No final do abdome obsérvase unha pinza, que os machos empregan para agarrar ás femias polo pescozo e levalas, voando, a unha percha. Poidemos observar a forma única de reproducción destos animais (libeliñas e cabaliños do demo), nas que a femia, suxeita polo macho, encorva o seu abdome ata poñer en contacto o extremo do mesmo co almacén temporal de esperma do macho, situado na parte anterior do abdome. O esperma foi trasladado polo macho a este almacén previamente ao "rapto" da femia. Neste mesmo punto puidemos observar este comportamento:




Compartindo o hábitat con C.xanthostoma atopamos a dúas especies do xénero PlatycnemisP. latipes e P. acutipenis. O epíteto "latipes" fai referencia aos "anchos pes" destes animais. Particularmente os machos da especie presentan unhas tibias expandidas lateralmente e rematadas en cerdas coas que forman unha eficaz cesta (que nos lembra as follas da atrapamoscas Dionaea) para a caza ao voo das súas presas.




A continuación desprazamonos á Lagoa do Rei, onde nos agardaba unha desagradable sorpresa: toda a orla de vexetación fora eliminada con maquinaria. No momento no que libeliñas, rás, sapos e outras criaturas pasan o momento máis delicado da súa vida: o paso da vida acuática á terrestre e outros animais, como as aves, usan tamén o refuxio que proporciona a vexetación das beiras para criar os seus polos, este manto protector foi arrasado, metendo a maquinaria incluso dentro da lagoa:




Atopamos adultos e metamórficos de rá verde (Pelophylax perezi) e rela (Hyla arborea) tratando de sobrevivir nun entorno sen o verde que os camuflaba nin a humidade que precisan. E tamén unha posible zona de cría de parrulos arrasada, non sabemos se cando os polos aínda estaban no niño.




Ao ter desaparecido a área principal de refuxio achegámonos aos prados do entorno da lagoa, que albergan unha comunidade de invertebrados moi diversa, incrementada neste momento polos emigrantes supervivintes da orla da lagoa. Entre outros observamos Lestes virens (1), Coenagrion scitulum (2), Sympecma fusca e tamén belas bolboretas, diurnas e nocturnas (4)




O almorzo, na carballeira de Santa isabel, á beira do Miño, estivo salpicado de choiva e raios de sol que aproveitamos para atopar libeliñas, algunhas capeando a choiva, como unha femia de Platycnemis acutipenis (1), outras con dificultades para voar, co peso adicional das pingas de auga, coma esta femia de Onycogomphus uncatus (2) e outras servindo de almorzo ás abondosas femias da araña tigre (Argiope bruennichi), 3.




Case finalizando a saída achegámonos ás areeiras de Riocaldo, onde, entre outras especies, poidemos observar varios individuos de Anax imperator, neste caso unha femia alimentándose dun abellón




Tamén en Riocaldo, e para por o broche de ouro á xornada, atopamos á xoia da coroa, Oxygastra curtisii,  única especie no mundo do xénero Oxygastra e sempre un animal escaso e difícil de observar.



As especies vistas e identificadas na xornada recollense na seguinte táboa:

Especies identificadas no Training Day Odonatos 2013 (Terrá Chá)
ZYGOPTEROS
ANISOPTEROS
Calopteryx virgo
Anax imperator
Calopterys xanthostoma
Boyeria irene (exuvia)
Lestes dryas
Gomphus pulchellus
Lestes virens
Onycogomphus uncatus
Lestes viridis
Cordulegaster boltonii (exuvia)
Sympecma fusca
Oxygastra curtisii
Coenagrion puella
Crocothemis erythraea
Coenagrion scitulum
Ortethrum cancellatum
Platycnemis acutipennis
Sympetrum fonscolombii
Platycnemis latipes
Sympetrum striolatum
Enallagma cyathigerum

Pyrrhosoma nymphula