23 ago. 2010

Artistas e Animais I

Os réptiles de M.C. Escher

Comezamos cos réptiles de Escher unha serie de post de Artistas e Animais, onde falaremos de debuxos, pinturas, gravados e esculturas de artistas cuxo mundo creativo se relacione de forma peculiar cos animais.

Os debuxos de animais creados por M.C. Escher non son só debuxos interesantes, son debuxos que representan as ideas do artista do modo mais perfecto.

Escher concentrouse case exclusivamente en reproducir e atopar unha resposta a preguntas como: ¿Que é reproducir? ¿Que posibilidades ofrece a superficie se a enchemos con figuras congruentes que limiten unhas con outras? Se debuxar é un engano, unha ilusión que pretende substituír a realidade, ¿poderíase dar un paso máis e facer xurdir un mundo tridimensional dun bidimensional?...

Grazas a esto podemos ver agora como a este artista lle servíron as figuras congruentes de réptiles para responder a algunhas das súas preguntas.

Debuxar é un engano. Na litografía Réptiles de 1943 que a continuación vos mostramos e da cal huskyomega realizou un estupendo vídeo do gravado, Escher debuxa desde o ángulo inferior esquerdo do papel as pequenas figuras planas e esbozadas no seu caderno de bosquexos para desenvolver unha marabillosa tridimensionalidade. O réptil abandona a folla do caderno para pasearse por un tratado de zooloxía e un cartabón que o levan a un dodecaedro para saltar a un vaso de metal dende o cal entrará de novo na folla de papel. Isto faime lembrar como o outro día unha Iberolacerta galani ante a miña insistencia de fotografala, pasou dunha pedra preto do chan a un muro, logo a unhas pedras da parede dunha casa abandonada, e daquí a unha escaleira antiga pola que descendeu outra vez a un muro preto do chan onde a perdín.

Escher creo que non observou a esta I. galani en Trevinca pero seguramente a idea orixinal deste debuxo vén dun encontro similar cun réptil.








Mauritis Cornelius Escher naceu en Leeuwarden, Holanda, no ano 1898. Ao longo da súa carreira realizou máis de 400 litografías e gravados en madeira (xilografía), e tamén uns 2.000 debuxos e borradores. Faleceu o 27 de marzo de 1972.

Autorretrato do artista, gravado en madeira, 1923.






O infinito. Debuxos compostos de figuras uniformes.
Límites cadrados.




















Evolución I e Evolución II

Se a superficie fose infinitamente grande, o número de réptiles que a enchería sería infinito.

Recheo regular da superficie

Estructura básica do Límite cadrado. Escher conseguiu dar vida á estructura do debuxo reenchendoa de lagartixas.

O amor polo detalle fai de Escher un gravador excepcional. O seu arte é unha exaltación da realidade, a cal el sentía e interpretaba como unha marabilla de natureza matemática.

En 1969 con 71 anos realiza o gravado "Serpes" onde demostra as súas facultades a pesar da súa avanzada idade, este será o seu último gravado.

Serpes, gravado en madeira, 1969

‹‹Asombrarse é a esencia da vida››


M.C. Escher


13 ago. 2010

Training Days - Bat Night: Morcegos do Caurel

Durante o último fin de semana do mes de agosto celébrase o European Bat Night. Da man da asociación naturalista Drosera, con ampla experiencia no estudo e conservación dos morcegos de Galicia, imos a celebrar conxuntamente esta noite dos morcegos e os habituais Training Days para coñecer un pouco máis este grupo de mamíferos descoñecidos para moitos de nós.



Para iso imos visitar unha das zonas máis fermosas de Galicia e cunha maior biodiversidade de morcegos, o Caurel. O programa provisional é o seguinte. Pode sufrir lixeiras modificacións en función dalgún detalle a confirmar:

16:00. A busca de morcegos nos seus refuxios
18:00. Charla: Os morcegos do Courel
19:30. Merenda-cea
20:30. Preparativos para as capturas de morcegos (ubicación de puntos de mostraxe e colocación das redes)
21:00 - 01:00 aprox. Captura de morcegos con redes de néboa e identificación en man. Detección e identificación acústica de morcegos.

As charlas e as actividades prácticas serán levadas a cabo por Roberto Hermida, Manuel Arzúa e Moncho Seaje.

Os Training Days son gratuítos pero non se cubre ningún gasto. É obrigatorio solicitar reserva de prazas debido a que hai prazas limitadas. Enviádeme un correo co voso nome e un teléfono mobil (necesario por seguridade e para quedar no punto de encontro).

Os desplazamentos levaranse a cabo en vehículos propios. Indicádeme o lugar de orixe, se dispoñedes de vehículo propio e se este ten prazas libres. Recordade que debemos minimizar o gasto de combustibles fósiles e a emisión de CO2 á atmósfera.

Debido ó pouco tempo existente entre as charlas teóricas e as prácticas de campo, realizarase unha merenda-cea na que cada un dos participantes traerá a súa propia comida debido a que á hora á cal faremos esta merenda-cea non están dispoñibles os restaurantes da zona (recordade traer comida para esta merenda-cea).

Debido a que a actividade rematará de madrugada estamos a organizar o aloxamento no camping de Seoane do Caurel. Por iso, necesitamos saber as persoas que desexades aloxarvos no camping. Existe a posibilidade de aloxarse nalgúns dos hoteis de Seoane, como Casa Ferreiro. Indicádenos a opción que desexedes.

Acampamento Caurel (web).

Casa Ferreiro (web).

Contacto: Martiño Cabana (mcohyla@yahoo.es).

Visita ás terras do norte

Gracias ás indicación que dous bos herpetólogos e compañeiros, Xabi Prieto e Manu Arzúa, nos deron hai uns días, volvemos Anxos, Rafa e máis eu a desfrutar das terras do norte de Lugo (Cordal de Neda e Serra do Buio). Hai uns días falamos do traballo de Xabi e Manu coas lagartixas das brañas do norte de Galicia (podes ver o post clicando aquí).


Hábitat de Zootoca vivipara e onde puidemos atopar unha larva de Chioglossa lusitanica, adultos de Lissotriton boscai e de L. helveticus, larvas de Alytes obstetricans, recén metamorfoseados de Bufo bufo, adultos, subadultos e xuveniles de Rana iberica e de R. temporaria e dous adultos e un subadulto de Zootoca vivipara.


Adulto de Zootoca vivipara localizado na beira dunha charca. Hábitat un pouco seco para a especie pero moi próximo á auga.


Un dos moitísimos exemplares de Rana temporaria vistos na zona. Este é un xuvenil.


Entre o Cordal de Neda (Abadín e Pastoriza) e a Serra do Buio (a cabalo entre os concellos de Valadouro, Xove, Cervo e Viveiro) percorrimos diferentes estradas e pobos. Á hora de comer paramos en A Igrexa, entre Mondoñedo e Lourenzá e puidemos observar un macho de Lacerta schreiberi e moita Iberolacerta monticola. Tivemos a sorte de poder ver e fotografar catro xuveniles de I. monticola que se caracteriza por ter o rabo de cor azul.


Xa na Serra do Buio puidemos ver un adulto de Chioglossa lusitanica. Paréceme que era a mesma que estaba hai unha semana baixo a mesma pedra cando a observamos Xabi, Manu, Anxos e máis eu.


Perdímonos un pouco pola serra do Buio (ou mellor dito, quixemos perdernos un pouco) e atopamos un bo sitio con bastante I. monticola e Bufo bufo. Aquí, un adulto de cor bastante clara.


E nun dos depósitos de auga atopamos este xuvenil de Alytes obstetricans próximo ó final da súa metamorfose. Estas fotos están feita cun pequeno acuário do que falaremos outro día para que poidades facer boas fotos de anfibios na auga.

Off-topic. Viaxe polo noreste da Península

Adxunto unha completísima reportaxe (en inglés) feita polo compañeiro Gabriel Martínez resumindo os lugares e especies vistas por él, Honorio Iglesias e o herpetowatcher galego Rafa Vázquez. Gracias a todos eles por permitirnos colgar esta fermosa reportaxe.

Ver reportaxe en Scribd

8 ago. 2010

Temperatura de incubación e determinación sexual

Un dos fenómenos biolóxicos máis interesantes dentro dos réptiles é a determinación do sexo en función da temperatura de incubación dos ovos. Isto significa que dependendo da temperatura á cal se están a incubar os ovos, van a eclosionar unha maior proporción de machos ou de femias.

Sen embargo, a cousa non é tan simple. Na maioría dos vertebrados a determinación ven dada pola xenética do animal (presencia de XX ou XY en humanos). Este mecanismo denomínase Determinación do Sexo dependendo do Xenotipo (DSX, DSG na gráfica inferior). Os anfibios, serpes, aves, mamíferos e case tódolos peixes teñen este tipo de determinación sexual.

Por outra banda, hai tres modelos de Determinación do Sexo dependedo da Temperatura (DST). Un primeiro modelo, chamado DST Ia, caracterízase por que as especies que o siguen teñen unha maior proporción de machos cando a posta se incuba a unha temperatura baixa e a altas temperaturas prodúcese unha maior proporción de femias (ver na figura inferior o gráfico situado arriba á esquerda). Este mecanismo dase en moitas tartarugas.

Existe un modelo complementario ó anterior, o modelo DST Ib, onde se produce unha proporción de machos cando a posta se incuba a unha temperatura alta e a baixas temperaturas prodúcese unha maior proporción de femias (ver na figura inferior o gráfico situado arriba á dereita). Este mecanismo dase nalgúns lagartos e tuátaras.

Un terceiro modelo de determinación sexual pola temperatura é totalmente diferente. O modelo II caracterízase que a altas e a baixas temperaturas durante o período de incubación, prodúcese unha menor proporción de machos e a temperaturas medias, a proporción de machos é maior. Isto dase en cocodrilos, en moitas especies de lagartos e nalgunhas tartarugas.


Imaxe extraída de La gran enciclopedia de los anfibios y reptiles de Tim Halliday e Kraig Adler. Esta é unha obra esencial para un naturalista.

Este fenómeno é de vital importancia, xa que as variacións de temperatura no campo poden provocar que haxa un desequilibrio na relacións de sexos da poboación e diminuír o número de descendentes xerados en cada período reproductor. Por outra banda, o coñecemento destes mecanismos pode axudar a mellorar os plans de cría en cautividade xa que se pode variar a temperatura de incubación para ter unha maior proporción de femias e así aumentar a capacidada de xeración de crías do programa.